prestige01

Áreas Mariñas Protexidas Coxestionadas en Galicia

Creación de áreas mariñas protexidas coxestionadas para promover a sostibilidade do mar e a dos seus pescadores a raíz da catástrofe do Prestige

O afundimento do petroleiro Prestige xunto á costa galega en novembro de 2002 supuxo un dos maiores desastres ecolóxicos da historia de España. Afectou enormemente á saúde dos ecosistemas costeiros durante anos e aínda se descoñece o alcance real deste impacto. Os pescadores artesanais e as súas comunidades foron os primeiros en sufrir directamente as consecuencias deste desastre, pero en realidade afectou tamén a todos: á sociedade civil, aos comerciantes; aos hoteleiros; etc. De feito, foi a sociedade civil a primeira en reaccionar de xeito maioritario e altruísta. Os voluntarios chegaron en ondadas de todas as partes de Europa para acompañar aos pescadores máis concienciados para mitigar os impactos do fuel sobre das costas.

Para moitos pescadores, sobre todo para os que aínda teñen memoria, o Prestige ocasionou tamén un forte impacto nas súas conciencias. Déronse de conta de que todo cidadán ten un papel e unha responsabilidade no coidado dos nosos mares e dos seus recursos. Son precisamente estes pescadores os que demandan unha maior implicación individual e colectiva na sostibilidade do mar, sobre todo nun momento no que o 80% das pesquerías europeas están sobreexplotadas e os nosos ecosistemas mariños están máis degradados. Nun escenario realista coma este, cal é o futuro dos pescadores e, especialmente, o dos pescadores artesanais? Acaso é continuar competindo os uns contra dos outros ata que gañe o máis forte e non reste un so peixe no mar? É este tipo de convivencia, baseada na desconfianza mutua, a que queremos para nós mesmos ou para os nosos fillos? Estamos convencidos de que este non é o escenario desexado por ninguén. Mais, é posible transitar cara un modelo de produción pesqueira máis responsable, democrático, colaborativo e guiado por obxectivos de sostibilidade? Non so é posible, ademais é necesario; aínda que esixa un percorrido no tempo ata chegar á súa consolidación. Non hai outro camiño. O modelo actual xa está esgotado e ten amosado que conduce, aínda que de xeito silencioso, a situacións de empobrecemento e marxinación social.

Faise necesario un modelo de xestión dos recursos pesqueiros apoiado nunha maior implicación e participación dos usuarios. Un modelo construído de xeito colectivo e participativo, no que se incorpore o coñecemento científico e ecolóxico do pescador como criterio para definir, ordenar o espazo mariño e deseñar plans de xestión dos recursos pesqueiros con obxectivos de sostibilidade integral.

Trátase dun modelo que promove que o pescador adquira un compromiso maior e favorece o camiño cara unha nova mentalidade na que pescadores e Administración pública compartan espazos paritarios de diálogo e de toma de decisións responsables. Require da colaboración de todos: pescadores, sociedade civil e Estado. É tamén un xeito de acurtar a brecha entre administradores e administrados, e contribuír, con este tipo de proxectos, a crear una cidadanía máis participativa e implicada na xestión sostible dos bens públicos.

As principais liñas de desenvolvemento do proxecto son, por una banda, a creación destas AMPs de Interese Pesqueiro Coxestionadas e o fortalecemento das xa creadas, como AMPdIPC “Os Miñarzos” e AMPdIPC “Ría de Cedeira”.

No caso de Muros, retómase un proceso promovido por pescadores desta confraría que fora iniciado en 2009 coa financiación da Consellería do Mar do Goberno galego. O caso do proxecto de deseño e creación da AMPdIPC Mar de Ortegal comprende augas interiores e exteriores. Iniciado pola Confraría de Cedeira en 2009, e sendo catro as confrarías que participan no deseño.

Enlaces externos (en inglés)

Becoming Proactive Agents (SAMUDRA) by Antonio García Allut & Ana Jesús