Enfoque sistemico

Fundación Lonxanet implementa os seus proxectos de cambio social cara un modelo de sociedade máis sostible dende unha interpretación sistémica e holística da realidade nas súas dimensións: sociocultural, ambiental, económica e de incidencia política ou de participación cidadá. Propón un modelo de acción integral e sistémico que condiciona a actitude metodolóxica e humana da fundación para aproximarse á comunidade: a sostibilidade ou a visión a longo prazo, a empatía coas problemáticas locais e a colaboración cos actores locais na resolución dos seus problemas.

Con este enfoque, perseguimos contribuír á creación dunha sociedade cun sistema máis xusto de distribución da riqueza e na que os dereitos humanos das poboacións máis débiles sexan recoñecidos e respectados na súa integridade.

O piar sociocultural

As accións dos pescadores están influenciadas polos grupos cos que interactúan, polo que o éxito de cada acción depende dunha actitude positiva por parte de todos los actores. Así pois, resulta imprescindible promover a empatía entre os pescadores artesanais e outros colectivos, como son os políticos, os académicos ou os consumidores.

Por este motivo, un dos obxectivos da Fundación Lonxanet é o de dignificar a profesión de pescador e o patrimonio cultural no entorno da pesca artesanal e ante a sociedade en xeral. Deste xeito, perseguimos dar a coñecer, sensibilizar e transmitir á sociedade a profesión do pescador artesanal e a súa contribución a un mundo más xusto e sostible.

O piar ambiental

O mar é a principal fonte de ingresos dos pescadores, polo que a súa boa saúde e equilibrio é vital para a actividade pesqueira. Pola súa proximidade e coñecemento, o pescador representa un actor clave para liderar o proceso de protección dos recursos mariños. Así pois, co piar ambiental buscamos traballar a concienciación ambiental, fomentar o interese colectivo e promover o desenvolvemento sostible das áreas e dos recursos mariños.

Para cumprir con esta misión, a Fundación Lonxanet elaborou unha metodoloxía innovadora para a creación e xestión de Áreas Mariñas Protexidas de Interese Pesqueiro Coxestionadas (AMPdIPC). A principal innovación do modelo de AMPdIPC é o seu enfoque participativo, aplicado en todas as súas fases de deseño, creación e xestión. Neste sentido, son os propios pescadores quen impulsan a creación da AMP que, unha vez formalizada, é coxestionada a partes iguais, entre a Administración pública e os pescadores artesanais.

A Fundación Lonxanet considera esencial a participación dos pescadores artesanais na xestión das AMPdIPC porque contribúen co seu coñecemento ecolóxico tradicional ao deseño da proposta, permiten o establecemento de alianzas con outros actores e organizacións do terceiro sector, e a súa colaboración activa garante o respecto pola AMPdIPC unha vez implementada.

O piar económico

Condicionado por un sistema económico que fomenta a desigualdade social, o pescador artesanal atópase nunha situación de fraxilidade económica. Por esta razón, resolver en primeiro lugar o problema da falta de ingresos económicos é un paso fundamental na acción da Fundación Lonxanet.

O obxectivo do piar económico na intervención da Fundación Lonxanet é contribuír a facer visible a pesca artesanal coma un sistema produtivo sostible e responsable. Deste xeito, intervimos fomentando a comercialización directa dos produtos procedentes da pesca artesanal, mellorando a súa trazabilidade e xestión da cadea de valor e desenvolvendo sistemas alternativos ou complementarios de xeración de ingresos para as comunidades de pescadores (diversificación do sector pesqueiro).

O pilar da participación cidadá

A participación do pescador artesanal na esfera pública resulta esencial para a posta en valor da actividade pesqueira na sociedade. Ademais, a súa participación contribúe ao cambio de percepción de todos os sectores, que pasan a consideralo como un actor lexítimo na construción dun mundo máis sostible.

Fomentar a cultura da participación cidadá dos pescadores artesanais é un obxectivo da Fundación Lonxanet, de aí que este piar sexa transversal a todas as accións desta entidade. En definitiva, pretendemos que os pescadores artesanais sexan cidadáns activos e parte esencial das discusións políticas relacionadas coa xestión dos recursos mariños, na conservación do medio mariño e nos procesos de goberno local y global.


Aquí pode descargarse o documento de Plantexamento Estratéxico 2010-2013, no que se atopan desenvolvidas estas ideas.