inventario01

Inventario do Patrimonio Marítimo Pesqueiro no ámbito de Muros, Lira, Pindo, Fisterra e Laxe

Co proxecto Posta en valor do patrimonio pesqueiro na Costa da Morte, a Asociación de Confrarías do Mar da Fin da Terra promoveu un inventario de patrimonio cultural material e inmaterial marítimo e pesqueiro no ámbito xeográfico onde operan as confrarías membro da asociación. Deste xeito, cumpríanse os obxectivos específicos de elaborar materiais “turísticos” e confeccionar unha base de datos relativa ao patrimonio pesqueiro material e inmaterial das confrarías promotoras do proxecto, en concreto as de Muros, Lira, O Pindo, Fisterra e Laxe. A Fundación Lonxanet foi a entidade que prestou a asistencia técnica para tal fin en 2008, destacando a participación do historiador Dionisio Pereira.

Partindo de que un inventario é a ferramenta principal para a administración e xestión de calquera recurso patrimonial, resulta indispensable para implementar diferentes tipos de accións cara a presentación e conservación do patrimonio cultural, ambiental e natural dun lugar ou rexión determinada. Neste sentido, o presente proxecto recolle construcións, obxectos de calquera índole, espazo ou outra manifestación do patrimonio, tanto material como inmaterial, pertencente ó ámbito das confrarías integrantes da asociación Mar da Fin da Terra. Cabe destacar que unicamente cando ditos bens patrimoniais están debidamente identificados e clasificados é cando poden executarse programas sistemáticos planeados para a súa protección e publicitación mediante o emprego de diversos tipos de soporte, sempre relacionados cos fins agardados.